O cárcere da Lama abusa das medidas de prevención da covid

O cárcere da Lama abusa das medidas de prevención da covid para impoñer illamentos ilegais de ata 20 días

Nas últimas horas, no colectivo Abaixo os muros vimos recibindo noticias alarmantes sobre a situación das persoas presas e a vulneración dos seus dereitos mais básicos coa escusa da covid.

A última nova recibida procede do cárcere da Lama, presidido por Teresa Delgado, onde sabemos de hai persoas que permanecen despois de 15 días en situación de illamento absoluto nunha cela do módulo 3, a espera dos resultados da PCR.

A medida adoptada para a celebración de vises, despois de meses sen contacto directo coas familias, foi a imposición dunha corentena de 10 días en situación de illamento absoluto nun módulo destinado a tal fin. Como xa vimos denunciando, esta situación supón un grave abuso, que na práctica está coartando o exercicio deste dereito. Na teoría, esta “corentena” duraría 10 días e sairían dela logo de ter realizado unha proba de antíxenos. Pero a situación ten empeorado ate o punto de termos coñecemento de que hai presos nun estado de absoluta desesperación despois de 15 días de illamento, que se prolongan coa escusa de non ter chegado os resultados do laboratorio das probas PCR. O propio cárcere comunicou as persoas reclusas neste módulo que este illamento se podería prolongar ate os 20 días por este motivo.

As consecuencias físicas e psicolóxicas de estes illamentos prolongados teñen sido relatadas en numerosos informes, e nesta situación agrávanse polo feito de que se realiza en condicións moito mais duras das habituais, xa que o illamento é absoluto, sen saídas ao patio (o illamento “disciplinario” ou o réxime de primeiro grao inclúe saídas de 2-3 horas) e a prohibición das comunicacións ordinarias.

De Abaixo os muros queremos denunciar o grave abuso que esta situación supón, xa que o illamento prolongado (mais de 14 días) ven sendo considerado unha forma de tortura desde diversos organismos internacionais, e esiximos á dirección do cárcere da Lama, presidida por Teresa Delgado, a inmediata liberación das persoas reclusas neste tipo de illamento logo de dez días, e a debida atención médica e psicolóxica ás persoas que veñen de padecer esta situación.