Tag Archives: vises

Presos do Centro Penitenciario de A Lama inician protestas diante da nova suspensión dos vises

De Abaixo os muros, coordinadora anti-represiva galega, vimos de ter constancia por medio de familiares de presos da Lama, do inicio de accións de protestas de presos do CP da Lama fronte a nova suspensión dos vises familiares e íntimos, que inclúen rechazos periódicos á comida ofrecida polo cárcere ou días illados de folgas de fame.

As protestas respostan á suspensión dos vises, que nos últimos meses se viñan celebrando xa en condicións pésimas: reducidos a un mensal e coa obriga de permanecer, con posterioridade, durante dez dias en situación de illamento absoluto nunha celda. Agora a dirección do cárcere, presidido por Teresa Delgado, de forma absolutamente arbitraria, xa non encontra suficiente esta medida e suspende os vises nun entorno onde mais do 80% da poboación ten sido vacinada.

Diante desta inxustiza, as familias preguntan-se que condicións se teñen que dar para que a dirección do cárcere da Lama deixe de abusar da pandemia para restrinxir de forma ilegal o dereito dos presos e das presas que alí se encontran, e esixen explicacións para a aplicación desta nova suspensión, que consideran desmedida e que entenden que responde ao desprezo evidente que a dirección do penal leva amosando cara os dereitos das persoas encarceradas desde fai meses: Como é posible, nos tempos que corren, que exista a posibilidade de facer unha PCR para acudir a un bar, e non para entrar con seguridade exercer un dereito tan necesario e humano como o de poder abrazar a un familiar? 

Anuncian medidas para apoiar á protesta interna, como a recollida de sinaturas e a presentación de queixas diante de diversas instancias, esixindo explicacións e a inmediata reapertura das comunicacións vis-a-vis cos seus familiares.